Praias de Barreiros - Barreiros

Rexistro de augas

Punta da Anguieira:

No interior da ría do Masma atópase este prácido areal. Ten unha lonxitude de 250 metros e unha anchura entre 10 e 45 metros. Na súa parte esquerda dispón dunha rampla para botadura de embarcacións, utilizable en marea alta. As praia de San Bartolo, Altar e Anguieira atópanse dentro da Zona Especial de Protección para as Aves (ZEPA) ría de Foz – Masma, espazo reservado para a conservación de aves ameazadas de extinción. Están catalogadas 200 especies de aves.

Praia de Altar:

Praia de Altar

Praia de 1100 metros de longo e cunha anchura entre 50 e 140 metros, en función da marea. Encóntrase situada na desembocadura do río Masma, á marxe dereita, e delimitada pola costa cantábrica.

Esta praia debe o seu nome ós sacrificios que, en tempos remotos, e como ofrenda ós deuses, se levaban a cabo na gran pena que se atopa no seu centro, a poucos metros das súas areas. Esta illa, denominada “Pena de Altar”, é accesible en baixamar, obténdose desde a mesma unha perspectiva inusual dos arredores. Na superficie que media entre a praia e a desembocadura do río Masma, podemos disfrutar dunha ampla superficie de dunas.

Praia de San Bartolo:

Praia de San Bartolo

Cando a marea chega ó seu cénit, este areal convértese nunha cala pouco transitada e ó seu amparo teñen florecido as crestas rochosas. Ten unha lonxitude de 155 metros e a súa anchura oscila entre 17 e 65 metros. Nela encontramos, xusto ó final das escaleiras polas que descendemos, os restos do que noutro tempo foi unha fonte ferruxinosa, e que a día de hoxe está bastante deteriorada.

Esta praia ten a meritoria fama de que entre as súas areas se poden encontrar “bíteres” con suma facilidade. O 24 de agosto celébrase a festa na honra a San Bartolo, na capela ubicada na contorna desta praia e á que debe o seu nome.

Praia de Acantilado-Remior:

Praia de Acantilado-Remior

Esta praia pertence á parroquia de San Cosme. Consta de 800 metros de lonxitude e a súa anchura oscila entre os 28 e os 110 metros. No seu brazo esquerdo atópanse as rochas que a separan da praia de San Bartolo. Dispón dunha área recreativa con fonte de auga potable. Desde este lugar, ata a praia de A Rapadoira, no municipio de Foz, exténdese a Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) ría de Foz-Masma.

Esta praia ben merece un repousado paseo de principio a fin examinando as súas areas na busca dalgún “bítere”.

Praia de Coto:

Praia de Coto

Atópase contigua á praia de Remior, delimitadas pola coñecida “Pena da Salsa”, onde ían bañarse as mulleres como praia exclusiva para elas entre os anos 1920 e 1930. É unha magnífica praia de extensas areas brancas, con case 2 km de lonxitude e 60 metros de ancho, con acceso para discapacitados.

Hai anos fíxose unha actuación medioambiental que supuxo, unha vez derruídas as edificacións existentes, a recuperación de máis de 100.000 metros cadrados de dunas protexidas, que confiren unha cualidade parda e dorada á contorna. Nesta praia, atópase unha tumba medieval antropomorfa labrada a man nunha das rochas do areal. A esta peza funeraria atribúeselle a calificación de único enterramento medieval mariño conservado.

Praia de Fontela - Balea:

Praia de Fontela - Balea

Pertencente á parroquia de San Pedro de Benquerencia, conta con cerca de 1000 metros de longo e unha anchura que oscila entre os 45 e os 160 metros. Camiñando a través das súas areas atopámonos cunha orografía salpicada de intensas formacións acantiladas que se atopan fracturadas entre si, sendo a maior singularidade, a coñecida como “Pena do Castro”, na que estaba situado un milenario castro e do que, a día de hoxe, case non quedan pegadas.

Ao igual que a praia de Lóngara, posúe boas condicións para practicar surf.

Praia de Lóngara:

Praia de Lóngara

Esta praia, que pertence á parroquia de San Pedro de Benquerencia, ten unha extensión aproximada de 800 metros de lonxitude de areal e unha anchura que oscila entre os 30 e os 160 metros. A ambos extremos da mesma atópanse sendas formacións rochosas, de gran beleza, modeladas ó longo dos milenios polo empuxe das ondas.

A baixamar permite contemplar unha das formacións rochosas máis singulares desta praia, a coñecida como "Pena do Elefante", denominada así por semellar a forma deste paquidermo. A axitada hidrodinámica desta praia convértea en idónea para a práctica do surf, polo que é habitual ver a persoas disfrutando deste deporte.

Praia da Pasada:

Praia da Pasada

Situada na parroquia de San Miguel de Reinante, preséntase como unha cala de 290 metros de lonxitude e unha anchura que oscila entre os 40 e os 150 metros, dependendo da marea.

Este areal está protexido entre os acantilados que o estreitan e coa marea baixa revela suxerentes formacións rochosas mentres que en pleamar, a cala resulta dividida en tres partes. A media tarde, coa caída do disco solar, as sombras modifican o rostro da praia, creando a atmósfera perfecta para camiñala.

Posúe un fácil acceso, con escaleiras e rampla, así como todos os servizos. Xunto coa praia contigua de Arealonga, está declarada como Lugar de Interese Comunitario (LIC).

Praia de Arealonga:

Praia de Arealonga

Raiando coa praia das Catedrais, entre as parroquias de Reinante e San Miguel, é a primeira praia que se encontra o viaxeiro que se encamiñe desde Ribadeo. Posúe unha considerable extensión, con máis dun quilómetro de area, de aí o seu nome “Arealonga”. Contrastan coa lingua de praia as súas características dunas, rodeándoa e conferíndolle unha orografía singular.

Ben dotada de servizos, dispón de lugares próximos onde comer e durmir. A través do paseo marítimo que serve de unión coa praia da Pasada, podemos apreciar os restos dun castro pre-romano. O día da festividade de Santiago Apóstol, o 25 de xullo, celébrase nesta praia o Concurso Internacional de Castelos na area.

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies