Montaña - Barreiros

Montes Comado e Penalonga:

Montes Comado e Penalonga

O alto de Comado, situado a 468 metros de altitude é un excelente mirador natural que nos ofrece vistas da rasa cantábrica, desde Burela, pasando por Foz, os oito quilómetros de praias de Barreiros, Ribadeo, e mesmo Tapia de Casariego (Asturias), os días máis despexados. Tamén nos ofrece vistas de zonas gandeiras como Noceda (Ribadeo) ou o monte Mondigo.

Asemade, o monte Comado resulta un lugar idóneo para practicar parapente. Tanto é así, que durante anos foi unha zona de referencia deste deporte, situándose entre as 15 principais zonas de voo de Galicia. Un lugar excelente para realizar descensos suaves ata os areais, voos biplaza aptos para todo o mundo. Ademais, dependendo da climatoloxía, son moitos os días nos que se pode facer distancia pola costa.

Esta actividade, que representa unha das bondades do Concello de Barreiros e que se converte tamén en reclamo turístico, reanudouse nos últimos anos, permitindo así desfrutar de novo das espectaculares vistas da zona costeira da Mariña Lucense, ademais da diversidade de sensacións físicas e mentais que ofrece esta disciplina deportiva.

A pouco máis de 500 metros cara ó interior atopamos o alto de Penalonga, que cos seus 509 metros de altitude é o punto máis alto do municipio de Barreiros. A vexetación desta montaña está formada na súa maioría por piñeiros e eucaliptos entre os que se poden atopar raposos, xabarís, corzos, esquíos e pombos.

Monte de Cornería:

Monte de Cornería

O alto de Cornería (437 metros), monte limítrofe entre os municipios de Barreiros, Foz e Lourenzá, ofrécenos unha magnífica panorámica da rasa Cantábrica, Celeiro de Mariñaos, co río Masma ao seu paso, a parroquia de Vilaronte (Foz), e a área de A Cazolga, en Lourenzá. No que respecta á vexetación deste enclave, predominan eucaliptos e piñeiros, entre os que viven especies coma o corzo, o raposo, o xabaril ou o pombo.

A Lenda: A historia de Maeloc di que era o líder das xentes bretonas que fuxindo das invasións anglosaxonas refuxiáronse na actual Bretaña francesa e no norte da Mariña, onde fundaron unha cidade chamada Britonia, ubicada nun sector apartado do oriente galego. Será a actual Bretoña?

Conta a lenda que á morte de Maeloc, a enorme "pedra preciosa" á que atribúen virtudes "todopoderosas", foi enterrada a bastante profundidade no interior dun baúl de ouro macizo, que problablemente contiña outros valores da época. O motivo deste emprazamento sería dado pola posición estratéxica da montaña ó ser o promontorio máis elevado que divisaban os bretóns ó chegar ás costas galegas.

Monte Penabor:

Monte Penabor

O Alto de Penabor, situado a 336 metros de altitude é un estupendo mirador natural situado na parroquia de San Cosme, que nos permite apreciar, ós seus pés, a capitalidade do Concello, e ó fondo os oito quilómetros de praias de Barreiros. Seguindo coa vista da franxa costeira, permítenos divisar hacia o noroeste a desembocadura do río Masma, á súa beira esquerda a vila de Foz e a praia da Rapadoira.

Terra adentro e case en liña coa nosa posición, podemos contemplar o “Pico da Lebre” (358 m). Continuando coa vista a linde, entre o mar e a terra, chegaremos a avistar Burela, e incluso ata a factoría Alcoa, e as Illas Farallóns e Illa Coelleira.

Cara ó Oeste preséntasenos, en primeiro termo, o “Pico de Cornería” (432 m), o vértice de unión entre os concellos de Foz, Barreiros e Lourenzá. Tras este, divisaremos o Alto de Carrás (486 m), un pouco despois a “Pena do Buitre” (459 m), límite dos concellos de Foz, Lourenzá e Mondoñedo, e por último o “Pico da Frouxeira” (427 m).

Cara ó Sur, descubriremos unha bela estampa da Insua e a Capela de Santa Ana, intuíndose tras os montes o espíritu do Camiño Norte de Santiago, que atravesa o Val de Cabarcos de leste a oeste. A vexetación, como nos outros montes do municipio, está formada maioritariamente por eucaliptos e piñeiros, entre os que viven corzos, raposos, xabarís, esquíos e xinetas, entre outros.

Área recreativa de "Santo Estevo do Ermo"

Área recreativa de

A Capela de Santo Estevo:

A Capela de Santo Estevo do Ermo foi coñecida durante séculos como a igrexa de Augas Santas, supónse que porque nas súas inmediacións brotaba un manantial de augas ferruxinosas, empregadas durante décadas polas súas propiedades curativas. A capela foi arranxada no ano 1992, acondicionándose na súa contorna unha área recreativa con fonte de auga potable.

A Fonte Ferruxinosa:

A fonte ferruxinosa é coñecida polas súas propiedades curativas. Por isto acudían e acoden a esta fonte veciñas e veciños de toda a comarca, e mesmo doutras zonas da provincia.

A Ferradura do cabalo de Santiago:

A ferradura do cabalo de Santiago atópase arriba da fonte de ferro. A lenda conta que cando Santiago Apóstol escapaba perseguido polos seus inimigos, o cabalo deu un salto dunha ladeira á outra.

La Fuente de Santa Rosa:

A fonte de Santa Rosa, situada arriba da fervenza, como un pequeno charqueiro, é facilmente recoñecible pola abundancia de panos que deixan os romeiros que van alí lavar a cara, xa que á auga desta fonte atribúenselle poderes curativos para a desaparición das rosas da pel; de aí o seu nome.

Fervenza de Santo Estevo:

Logo de pasar un muíño en ruínas, atópase a Fervenza de Santo Estevo. Unha espectacular caída de auga, especialmente en épocas de choiva, cando o regueiro leva gran caudal.

El Bosque de Santo Estevo:

Esta área natural e arqueolóxica atópase en pleno bosque autóctono, formado por carballos, castiñeiros, bidueiros e loureiros, entre outros.

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies